Resumo da Asemblea extraordinaria de socios

Hoxe tivemos asemblea extraordinaria de socios para tomar a decisión de que facer coa xestión das actividades para o vindeiro curso escolar. 
  • Primeiro explicouse a colaboración que se está a negociar coa ANPA RASA do CEIP Ramón de la Sagra, en relación coas actividades. Indicouse que a idea é que os nenos de ambos colexios poidan ir ás actividades dos dous, pero tendo un prazo preferente de inscrición os socios de cada ANPA. Eles presentarannos a súa oferta de actividades e nos presentarémoslles a nosa. Toda esta información vola trasladaremos na reunión informativa sobre actividades que se celebrará, previsiblemente, a primeira semana lectiva do curso 2016-17
  • Posteriormente, propúxose que a xestión das actividades da ANPA Xanela, fora levada pola empresa SerOcio, empresa que neste momento imparte moitas das nosas actividades. Entre outras cousas comprométese ao cobro de todas actividades, salvo as promovidas pola Federación de ANPAs conveniadas co Concello, introducindo a opción de domiciliación bancaria, continuar organizando os nosos campamentos, implantar unha aplicación informática para poder xestionar as altas/baixas/modificacións dos usuarios das actividades… Debateuse a proposta, e someteuse a votación, dando como resultado a aceptación da proposta presentada pola empresa SerOcio, por unanimidade dos socios presentes. Este acordo entrará en vigor no curso 2016-17
  • Lembrarvos tamén de que seguimos tendo a intención de continuar co Banco Solidario de Libros como estes últimos cursos para os cursos de 3º a 6º de Primaria, polo que vos pedimos que fagades a doazón dos libros dos vosos fillos e fillas ao mesmo, para conseguir que todas as familias poidan acceder aos libros de texto de forma gratuíta, sen ten que mercalos. O lema do Banco é: “Quen doa, recibe” A partir do mércores 22 de xuño comezaremos a recoller libros, pero se queredes traelos antes, tamén podedes. Ese día, último día de clase, o noso local estará aberto ás 14:00 horas por se queredes deixar os libros e tamén estará aberto ás 16:00 horas ata as 18:00 horas para doar e tamén solicitar libros do Banco
  • Tamén vos pedimos que pidades a axuda de libros da Xunta, xa que cremos que é unha forma de facer ver a administración que os libros deberían ser gratuítos na ensinanza obrigatoria. Pódese solicitar para todos os cursos de Primaria. O prazo para solicitala remata este xoves 23 de xuño. A solicitude podedes atopala no noso blog, no apartado de Axuda de libros, e non vos esquezades de achegar a documentación requirida. Podedes entregala na secretaría do colexio
  • Recordarvos que aínda quedan moitas prendas “perdidas” no baúl de obxectos perdidos do colexio tedes ata o mércores 29 de xuño para mirar se tedes algo voso alí. O xoves 30 de xuño, o que non sexa recollido, será doado a unha ONG
  • O noso horario neste mes de xuño será o seguinte:
    • Martes, 21 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas. Podedes renovar o socio e o servizo de comedor e madrugadores.
    • Mércores, 22 de xuño. De 09:05 a 09:30 estaremos por se alguén quere entregar libros para o Banco Solidario. Voltaremos a estar de 13:55 a 14:15 para o mesmo. Despois abriremos o local de 16 a 18 horas para deixar libros, solicitalos ou renovar socio, servizo de comedor e madrugadores.
    • Do luns 27 ao mércores 29 de xuño, estaremos en horario de 10:15 a 13:00 horas. Voltaremos a abrir en setembro, pero non sabemos aínda os días e os horarios. Se necesitades o servizo de comedor e madrugadores para o mes de setembro, teredes que solicitalo antes do 8 de setembro. Poremos a información no noso blog

Un saúdo e feliz verán!

Directiva ANPA Xanela