A Hora do Código UDC 2016

O vindeiro sábado 17 de Decembro ás 12:00, a Universidade da Coruña (UDC) organiza A Hora do Código UDC 2016, un evento destinado a nenas e nenos de 8 a 14 anos co obxectivo de que se inicien na programación de ordenadores dunha forma amena, divertida e directa. De feito, este evento denomínase A Hora do Código porque ten unha duración exacta dunha hora.

A Hora do Código (https://hourofcode.com/es) é unha iniciativa de code.org, unha organización pública sen ánimo de lucro dedicada a promover as Ciencias da Computación en escolas e institutos, cunha especial atención en incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprenden a programar.

A Hora do Código UDC 2016 ten o mesmo obxectivo didáctico que o evento global: ensinar aos nenos e nenas conceptos fundamentais de programación mediante ferramentas gráficas baseadas en bloques que poden realizar unha acción concreta como mover un personaxe nunha escena ou debuxar unha forma. Pero ademais, o noso evento ten un segundo obxectivo: pretende ser un punto de reunión para todos aqueles nenos e nenas da provincia da Coruña que estean interesados na programación ou simplemente queiran coñecer este mundo. Para logralo, A Hora do Código UDC 2016 celebrarase na Facultade de Informática, e ademais de pór a disposición dos participantes os nosos computadores e aulas, todos os que acudan en persoa ao evento recibirán un diploma personalizado.

Para participar na Hora do Código UDC 2016 só tedes que seguir 2 pasos moi simples:

1- Rexistrarse no evento, seguindo as instrucións da páxina web.
2- Vir o sábado, 17 de Decembro, ás 11:30 á Facultade de Informática da UDC.

Aquí tedes toda a información que podades necesitar: http://hourofcode.fic.udc.es/#site-header